Lucía Vilariño Alvaredo

Desenvolvimento capitalista, rendemento e resistencias no común agrario galego (1855- 1890)

 

True political economy is like true domestic economy; it does not consist solely in slaving and saving; there is a moral economy as well as political… These quacks would make wreck of the affections, in a exchange for incessant production and accumulation… It is, indeed, the moral economy that they always keep out of sight. When they talk about the tendency of large masses of capital, and the division of labour, to increase production and cheapen commodities, they do not tell us of the inferior human being which a single and fixed occupation must necessarily produce1

Calquera intento de entender o XIX no territorio da Galiza atoparáse cos montes de propiedade colectiva, xa que logo no albor do século ocupaban máis do 70 por cento do seu espazo total (Balboa, 1990). A reforma liberal que comezou no Estado en 1808 coa alianza nobreza- burguesía como motor da modernización capitalista ubica este período como ponto de partida para o estudo da grande transformación contemporánea do rural no Estado español. A priorización da modernización agraria fronte á industrial desta alianza de clase puxo a cuestión agraria na cerna do proceso de liquidación do Antigo Réxime e da configuración da súa transición. Por riba do cambio da natureza da propiedade da terra como obxecto esencial, foi a instauración dun modelo de desenvolvimento desigual o que conseguíu marxinar ó campesiñado como grupo activo ou bloque social.

Pensar no comezo da evolución da transformación agraria contemporánea na Galiza obriga a representar a agricultura galega durante un longo período como unha totalidade que logra transformarse porque resiste2. Non embora, esta resistencia mantívose, con diferentes graos e representacións, ata comezos do século XX, e veu de quebrar despois da guerra civil española baixo o peso do nacional- patrimonialismo franquista, coa usurpa da titularidade das terras dun campesiñado por obriga máis feble e desarticulado. Así, os sucesivos ataques ós que foron sometidos os comúns galegos enfrontados ó novo reto privatizador e individualizante tiveron a súa reacción por parte da colectividade acadando resultados importantes no que pode ser interpretado como a vixencia do costume fronte o dereito3.

Os ideólogos liberais encargáronse de identificar a propiedade privada como unha cuestión individual e a realidade comunalista co concepto de propiedade pública xa dende 18124. Durante uns anos nalgúns casos, e con reminiscencias permanentes noutros, evitouse o despoxo das terras comúns, aínda que por forza de manter unhas estructuras tradicionais -arcaicas-5. O devir do tempo mostrou algunhas vantaxes deste modelo en termos ecosistémicos, que as crises de 1973 e 2008 con maior intensidade nos viñeron a descobrir. Así mesmo, conformouse un acordo entre clases –se se quere un tanto inmediatista- que constituíu o equilibrio entre as limitacións e posibilidades que caracterizou o uso do solo dende a segunda metade do século XIX representado na convivencia do uso dos montes comúns e a explotación da pequena propiedade.

A identificación do común co público, do colectivo ó individual, comezou a actuar no rural galego dende a desamortización de Madoz de 1855 da man dun proceso institucionalizante e centralizador que atoparáse coa conciencia heteroxénea de diferentes grupos sociais do agro e de fóra deste. Así, veremos ós labregos con terra xunto coas sen terra: caseiros, xornaleiros, caseteiros, bodegueiras, camareiras e doncelas6 pero tamén personalidades políticas ou enxeñeiros facendo diferentes usos e presións ó poder das institucións. Isto se poderá ler coma unha reacción interclasista de intervencións intermitentes contra as imposicións do sistema liberal central dende diferentes posicións e con obxectivos unhas veces distantes, outras contrapostos. Un exemplo disto foi a fidalguía, que xa dende o ano 1805 conseguíu exceptuar os foros da disposición xeral de redención de censos perpetuos7.

A transición á época contemporánea supuxo un reforzamento e aproveitamento do sistema foral nun período cronolóxico que se extendeu ata comezos do século XX (Villares, 1998). Esta pervivencia do foro foi unha victoria para os foreiros terratenentes sobor os perceptores rendistas, aínda que unha mirada máis profunda amosará vantaxes para o detentador efectivo da terra, baseado nas peculiaridades da estrutura social do campo galego e a vixencia da cesión foral subordinada.

A pesar de que a desamortización de Madoz acelerou a tentativa individualizadora da propiedade da terra a mans privadas, fracasou nestes e nos vindeiros anos, pola inadecuación da lexislación estatal á propiedade colectiva galega e polas resistencias sociais8. Con diferentes grupos sociais compartillando unha visión tradicional consecuente coas normas e obrigas sociais dende tempos inmemoriais sobor o aproveitamento da terra para a reproducción da economía, pode falarse da loita por manter un interese comunitario na liña do que E.P. Thompon veu de acuñar ‘the moral economy of the crowd’9. Na Inglaterra do século XVIII, os agravios producidos pola subida dos prezos, por prácticas incorrectas dos comerciantes ou pola fame, operaron nun consenso popular que delimitou que prácticas de protesta eran lexítimas e cales ilexítimas. Ben agora, estes consensos morais tiveron unha representación con maior ou menor grao de actividade, organización, disciplina e obxectivos segundo o caso estudado. O ‘crowd’ galego, que non en pequenas ocasións está formado por clases pudentes e campesiñado, posuíu a particular contradición que constitúe unha alianza social diversa con obxectivos a medio e longo prazo distantes.

Unha grupalidade de 4.000 persoas composta por fidalgos, xuizes, escribanos e clero acompañados dun amplo grupo de labregos destruíron a fábrica de Sargadelos en 1798, nun acto que representa a defensa da economía tradicional e o interese das elites por apoiar reivindicacións que non atentasen contra o poder vixente (Hervés, 1997, p.169). As protestas noutras ocasións adquiriron un compoñente específico de clase, como as resistencias contra os prioratos ó pago negando as prerrogativas señoriais. Nestes mesmos albores de século, de novo a cifra de 4.000 labregos da periferia de Santa Marta de Ortigueira e outros tantos na vila de Viveiro convertiron unha discreta reivindicación nunha auténtica revolta que implicou a máis de 50 parroquias. As demandas de despoxo, as loitas contra a fiscalidade -tanto eclesiástica como estatal- e contra a reforma do sistema de cobro de rendas foron parte das súas demandas.

Os folgos da resistencia campesiña deron para comezar e manterse case ó longo de todo o século entrante, escenificando un movimento contra as ligazóns do Antigo Réxime e de resistencia ante o relevo explotador da reforma liberal. En non poucas ocasións, a aristocracia latinfundista formou parte destas reivindicacións. Así, os labregos galegos víronse, ben non derrubado o iugo feudal, arribarse ós garantes dun novo período de represión. Será pois esta particularidade interclasista dos comunais galegos dende 1808 a 18909, a que se achegue a unha caracterización baseada nunha suposta falta de orientación ideolóxica específica nas accións colectivas organizadas.

As protestas foron dende auténticos levantamentos populares -como algúns dos enriba indicados- ata accións institucionais de veciños e veciñas e do propio concello contra as ordes de venda de Madrid. Solicitábase a nulidade ou a merca colectiva das terras ou a aplicación doutros métodos como as subastas baleiras, o desvío de regatos de auga, a derriba de muros ou a tala de árbores. A estas prácticas hai que engadir a negativa xeral a satifacer o imposto do 10% do valor para os produtos concedidos para os aproveitamentos10, negándose a recollelos ou ben a firmar os planos. A tónica xeral era o impago. O contrario supuña o recoñecemento do dominio do preceptor. Así,aunque esta economía moral no puede ser descrita como política en ningún sentido progresista, tampoco puede, no obstante, definirse como apolítica, puesto que supone nociones del bien público categórica y apasionadamente sostenidas (Thompson, 1995, p.217).

A posesión inmemorial dos montes comunais galegos resistiron á realidade documentada durante os primeiros cincuenta ou sesenta anos do século XIX maioritariamente, e aínda a risco de simplificar, o réxime efectivo non mudou nestes anos nin moito menos a percepción do campesiñado do mesmo. Para entender a dimensión desta cuestión, existe unha tradición oral que reconstrúe o relato dunhas terras que existían antes do sistema foral e señorial, e que como xa sabemos permaneceron despois da súa extinción.

Os aproveitamentos do monte poden ser un fío co que texer a reprodución da economía campesiña, a orixe das resistencias e o devir destes espazos- explotación e convivencia comunitaria-, así como un escenario onde entender a necesidade deses acordos sociais tácitos pola importancia e necesidade de manter estes espazos de colectividade. Había algúns, como os caseteiros, que sen estes lugares non terían absolutamente nada, os chamados ‘probes de solemnidade’. Pero non haberá que pensar que son estes suxeitos os que manteñen a vida neles, xa que o acceso ós montes comunais reproducirá o modelo de explotación dos grupos domésticos, así, o desfrute será igualitario somentes en termos xurídicos, estando o acceso efectivo determinado polas posibilidades e necesidades de cada explotación. Este acceso xerárquico non impedirá a reclama maioritaria destes lugares como núcleo social, excluíndo as pretensións de ordeamento territorial dos liberais do goberno central en torno ós municipios e parroquias e mantendo a lóxica da aldea, de varios núcleos de poboamento ou de distintas parroquias, no que ven a ser outro elemento de resistencia.

A uniformidade lexislativa liberal non se adaptou a un país que albergaba o 50% de entidades singulares de poboación do Estado en tan só 312 municipios11. A vida asamblearia rural formábase en torno ó espazo de conformación do hábitat (Balboa, 1990). Todo isto xerou unhas presións cualitativamente distintas ó resto do Estado sumando a cuestión xa sinalada de que, co ideario de redimir a montes e plantíos da opresión e servidume, os incipientes liberais crearon outra categoría, a de ‘montes públicos’, que misturaba ós pertencentes ó Estado, ós dos establecementos públicos e ós dos pobos. Porén, foron conceptualizados como bens amortizados e atribuídos ós municipios, desposuíndo ós veciños deles e administrando estes primeiros os seus aproveitamentos. Os comúns quedaron sen recoñecemento legal e unha longa e desigual loita coa administración central viría a comezar.

O foro, que cada vez se asemellaba máis a un simple contracto, conseguía tamén pasar de largo sen que os liberais soubesen que facer con él. Scott propuña a loita de clases en Sedaka non en torno a cuestións materiais, de dereitos, económicas, conflictos étnicos, movementos relixiosos, protestas ou partidos políticos provinciais ou nacionais, senón á apropiación de símbolos, nunha loita por defender causas, ou nos seus termos, a contentious effort to give partisan meaning to local history (Scott, 1985, p.42). No caso galego podemos formular que o carácter inmemorial da posesión colectiva da terra posúe algo do carácter aglutinante simbólico de Scott máis de novo é Thompson o que nos axuda a ter unha representación máis completa ó engadir as relacións entre clases, e non só as locais, no escenario da loita polos comunais galegos. Así, este proceso non se entende sen visibilizar a resistencia co bloque centralista liberal, e tampouco sen atender ó que levou a pórse na mesma banda a clases sociais tan diferentes. A chave foi o mantemento dunha convivencia pacífica e o equilibrio das terras cultivadas e o aproveitamento do monte. Só así se entende a permisividade de acoutamentos, apresamentos e aproveitamentos fóra dos comunais e a reación contra a desposesión dos mesmos. A liña entre o individual- familiar e a colectividade era o fío conductor desta comunidade e o que facía de espazo cotiá aglutinante para que distintas clases sociais puidesen confluir e velar polo mantemento deste feble equilibrio colectivo.

Bibliografía

  • Balboa, X. (1990). O monte en Galicia. Vigo: Xerais.
  • Bernal, A. (1985). Disolución del régimen señorial en Andalucía occidental. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (309- 347).
  • Cabo, M. (2002). Traxectoria do agrarismo galego. En Constenla, G. &
    Domínguez, L. (Eds.), Tempo de sermos: Galicia nos seus séculos contemporáneos (pp.150- 172). Vigo: Universidade de Vigo.
  • Domínguez, L. (2005). Agrarismo y sociedad campesina en Galicia. En Juana, J. & Prada, J. (Eds.), Historia Contemporánea de Galicia (pp.461- 492). Barcelona: Ariel.
  • García, A. (1985). Introducción. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (7- 99). Barcelona: Crítica.
  • Fontana, J. (1985). La desamortización de Mendizábal y sus antecedentes. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (219- 245).
  • Fontana, J. (1985). La crisis agraria de comienzos del siglo XIX y sus repercusiones en España. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (103- 129).
  • Hervés, H., González, A., Fernández, L., Artiaga, Rego., & Balboa, López. (1997). Resistencia y organización. La conflictividad rural en Galicia desde la crisis del Antiguo Régimen al franquismo. Noticiario de Historia Agraria, (13), 165- 191.
  • Thompson, E. P. (1995). Costumbres en común. Barcelona: Crítica.
  • Scott, J.A. (1985). Weapons of the weak. Everyday forms of peasant resistance.
    New Haven and London: Yale university press.
  • Villares, R. (1985). Crisis del antiguo régimen en Galicia. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (380- 395).

1 Como se cita en E. P. Thompson, 1991, p. 379, este texto pertence ós debates do cartista Bronterre O’ Brien cos economistas políticos da época. O’ Brien, Bronterre (1837) Bronterre’s National Reformer.
2 Villares (como se cita en Balboa, 1990, introducción).
3 Ibíd.
4 Ver máis en Balboa, Xesús (1990). O monte en Galicia. Vigo: Xerais.
5 Ibíd.
6 Ver máis en Domínguez, L. (2005). Agrarismo y sociedad campesina en Galicia. En Juana, J. & Prada, J. (Eds.), Historia Contemporánea de Galicia (pp.461- 492. Barcelona: Ariel.
7 Esta situación replicaráse en 1813 e en 1836. Villares, R. (1985). Crisis del antiguo régimen en Galicia. En García, A. & Garrabou, R. (Eds.), Historia agraria de la España Contemporánea, vol. 1 (380- 395).
8 Ver máis en Balboa, Xesús (1990). O monte en Galicia. Vigo: Xerais.
9 Será o período ó que convencionalmente se asigna o comezo do movemento agrarista empurrado pola Lei de Asociacións de 1887 e Lei do Sufraxio Universal masculino en 1890.
10 A lei consideraba que cando os pobos non executaban o pago do 10% renunciaban ós produtos contidos e estes eran adxudicados en subasta pública ó mellor postor. O tema é que ás subastas non acudía ninguén (Balboa, 1990).
11 Fariña (como se cita en Balboa, 1990, p.322).