Lucía Vilariño Alvaredo

Politización e cambio social na Galiza rural da Restauración (1875- 1923)

As transformacións político- legais e socio- económicas que aconteceron a partir do primeiro decenio do século XIX poderiamos dicir, que dende unha postura centralista de inspiración francesa1 no Estado liberal español, tardaron tempo en ser asimiladas dependendo do lugar, existindo nalgúns casos de xeito máis teórico que real e con máis contido na letra que na plasmación no territorio (Veiga Alonso, 1997). O Goberno liberal foi suxeito vertebrador dun progresivo proceso de nacionalización do territorio a través dun novo sistema administrativo uniformalizado co partillamento deste en diferentes circunscripcións e órganos de goberno. Sería un erro menospreciar a capacidade do poder político estatal, máis saíndo do bosquexo clásico centro- periferia é necesario salientar o baixo grao de penetración infraestructural do Estado nalgúns territorios onde os localismos seguiron moi presentes2.

As transformacións da reforma liberal por forza mudaron en maior ou menor grao a sociedade local e as relacións de poder dentro dela, e, se ben a nobreza conveu coa perda das súas antigas atribucións sociais relativas ós señoríos, a liquidación do Antigo Réxime efectuóuse mediante unha alianza entre a burguesía liberal e a aristocracia latifundista, co monarca de colexiado, sen que houbese un proceso parello de revolución campesiña (García Sanz, 1985). Os antigos dereitos de recoñecemento sobre a terra convertíronse, sen mudar apenas de mans, en nova propiedade particular, o que foi posible grazas a unha serie de pactos das principais forzas sociais promovidos polos máis interesados en parar un posible programa revolucionario en solitario da burguesía e moito máis en afastar ó bloque do campesiñado. Esta xa organizada fracción de clase dominante tremería coas limitacións que da transformación da actividade agraria se puidese facer no caso de contar coa maioría dos labregos humildes3 ou coa preocupación latente a que os mesmos puideran arribar ó control dun verdadeiro proceso revolucionario (García Sanz, 1985).

Sen dúbida para a burguesía un pacto coa nobreza era menos arriscado e lles aseguraba unha ampla representación nos órganos lexislativos, ademáis de aproveitarse da falla de liquidez destes dende finais do século XVIII, o que constituíu unha oportunidade para ter o seu apoio no ensaio de novos sistemas de absorción do excedente nunha marxe de réxime agrario tamén novo. Marxinado o segmento maioritario do campesiñado sen terras como grupo activo deste proceso, convertíuse en vítima4 perdendo unha parte importante dos bens comunais –en Galiza non con intensidade ata o derradeiro tercio do XIX- e institucións e prácticas consuetudinarias que lle daban certo marxe fronte as leis do mercado engadido a uns impostos crecentes que cada vez lles xeraban maiores dificultades. O Goberno liberal foi así acadando froitos cara ó enxerimento dunha nova marxe xurídico- institucional da actividade agraria no que o desenvolvimento do capitalismo no campo non se puidese ver detido.

A reforma faráse dende arriba, e dende fóra, isto é, dende o Estado e as novas ou reconvertidas elites da sociedade que se asentarán sobre as súas bases; dende outra liña se pode cuestionar esta visión do campesiñado pobre coma suxeito pasivo, tendo conta da evolución política no agro –galego, español, europeo- durante o século e a medra da capacidade de influencia no eido local5. A teoría que instaura o novo sistema liberal identifica á sociedade coma un conxunto de individuos semellantes ante o mercado, e coma suxeito social básico o individuo, máis veremos que a realidade distaba moito de cinguirse a estes preceptos, sobre todo no rural -a meirande parte da sociedade española na época-.

Nesta derradeira liña Cardesín formulou a ‘unidade social básica’ na Galiza como o espazo da casa ou grupo doméstico6 e o criterio para definilo sería a participación dos membros coma organizadores ou beneficiarios na xestión duns determinados recursos productivos e reproductivos, asentindo que “ni las personas son iguales en sus condiciones materiales de existencia, ni la sociedad es un mero agregado de individuos” (Cardesín, 1992). Estes grupos domésticos posuirán unhas estratexas, de clase ou interclasistas dependendo do momento e do seu obxecto, e unha rede de relacións tamén horizontais ou verticais que se cadra irán tecendo para asegurarse a pervivencia social. As relacións verticais daránse entón entre grupos de distinto nivel social en termos de asimetría tanto laboralmente coma nun senso máis amplo de dependencia como se verá no modelo das relacións clientelares.

O novo Estado liberal tería diferentes repercusións en termos de clase: para uns sería garantir a supervivencia, para outros incrementar o patrimonio e influencia social e para a minoría con máis poder ascender a través do control das institucións ou terceiros (Cardesín, 1992). Estes derradeiros serían dende a perspectiva do autor os podentes ou propietarios do rural galego composto por labregos adiñeirados ou vellas familias fidalgas7. Esta aseveración poderá ser precisada atendendo ó cativo eido de estudo do caso -comarcas luguesas e a Terra Chá- e tamén porque en localidades rurais e semi- rurais galegas haberá personaxes non directamente vencellados á explotación da terra que terán moito poder e relación co concello ou caciques -avogados, letrados, funcionarios municipais, médicos, boticarios- (Velasco, 1997). As fontes literarias da época mostran no caso de O Catecismo Labrego8 que existe unha estreita relación entre a actuación caciquil e función pública e onde o alcalde semella estar máis alonxado da vida da vila, mentres que algunhas das personaxes pardobazanianas consultadas[^9] non se ven identificadas necesariamente coas clases dominantes do agro (Velasco, 1997).

O señorío outorgaba ós seus titulares unha superioridade política a escala local e certa discrecionalidade nos eidos xudicial e municipal xa dende o período feudal (Jesús Millán, 2000). A reforma liberal lonxe de suprimir o privilexo o que fai é substituílo por outro legalizando esta propiedade –privada- e aproveitando o camiño feito dende o costume localista para comezar a impór as súas clientelas centro- periferia ou propiamente periféricas9. Pero a reforma liberal non foi unha simple operación antifeudal, senón que contribuíu a reorganizar todas as xerarquías de influencia social, así tamén, novas redes de influencia que abranguen novos actores se foron abrindo camiño aproveitando este amoreamento e movilidade social10.

Ata 1875 os períodos progresistas conviviron en desigualdade de forzas e posibilidades cos conservadores, con maior ou menor grao de conflictividade, e aínda que os mecanismos caciquís a partir desta data non impediron un republicanismo moderado con claro apoio popular nalgunhas zonas, parte destes remataron incorporándose ó sistema político establecido por Cánovas, nun consenso entre a maioría das elites políticas e sociais para respectar un certo pluralismo cunhas condicións manifestamente antidemocráticas (Jesús Millán, 1997). Boa parte dos progresistas que aceptaron ocupar periódicamente o poder esqueceron ás clases populares como foco central dos seus supostos. Esta liña viría a matizala González de Molina anos despois, referindo o apoio por parte de socialistas, republicanos –enténdese que progresistas- anarquistas e católicos sociais, ás reivindicacións pola mellora de condicións de existencia e participación nas institucións especialmente locais, traballando pola democratización dos poderes locais nun contexto xa de crise, onde dende o goberno central se defendían eminentemente os dereitos dos grandes propietarios nun período que define coma de ‘violencia institucionalizada’.

No que parece haber máis acordos é na natureza local deste período da Restauración característicamente caciquil sendo éste o espazo central da reproducción e explotación agrícola (González de Molina, 2013). Tendo como tiñan os concellos a competencia da regulación do sector agropecuario11, unha parte significativa destas comeza a ser transferida ó Estado –por exemplo a formación dos prezos no agro pola importancia da política arancelaria no momento-. A implantación do Estado liberal segundo Cardesín será o factor que máis empurre na creación dunha nova estructura social local, explotando as vías de extracción do excedente campesiño co modelo existente de poder rural. Entón poderíase apuntar que o bosquexo que propón a imposición dun novo modelo político- legal do Estado Liberal a unha sociedade rural pechada cuns líderes intermediarios entre aldea e Estado semella estar superada.

Jover definiu o caciquismo en España coma un ‘submodelo meridional’ no marco dos rexímenes parlamentarios da época do imperialismo, “el rey era quien se erigía en auténtica fuente de poder, la competencia electoral era sustituída por acuerdos entre la clase política y, en definitiva, las elecciones se simulaban”12. Dende esta perspectiva o caciquismo foi visto coma un modelo no que converxe o clientelismo político, o inmovilismo rural derivado do atraso económico e feble nivel cultural e un control gubernamental dos procesos electorais baseado no fraude (Villares, 2000).

Tendo en conta a construcción desta maquinaria, sería un erro menospreciar a capacidade de actuación do Estado. Políticamente o Estado contaba co poder do gobernador civil -representante do goberno nas provincias e na administración- e o monopolio do emprego da forza principalmente coa Garda Civil. A administración do Estado tamén era un instrumento de poder importante, cunha burocracia ó servizo do goberno de turno, máis segundo outros autores estes funcionarios aínda responderon con maior fidelidade ó patrón- broker identificando a este co seu verdadeiro protectora13. Dende aquí podemos comezar a evidenciar os límites do centralismo e as fortalezas das ligazóns persoais implantadas na periferia (Veiga, 1999).

En Galiza terá especial relevancia económica a cuestión das rendas xeradas do excedente campesiño polo seu peso na distribución do poder na localidade e as dificultades que habería de apoiar a un candidato distinto ó señor baixo pena de represalias. Socialmente era o prestixio e a familia e determinadas profesións coas que se xogaba na configuración dos apoios sociais precisos cos que acadar protagonismo político, mentres que a ideoloxía non resultaba concluínte, senón outro tipo de consideracións baseadas en cuestións clientelares –presión gubernamental, emprego, contactos privados, reparto desigual dos medios de producción-. Sen dúbida o poder ideolóxico o representaba en maior medida a igrexa a través da figura do crego, dotada de grande autoridade e peso social. Aquí é necesario lembrar que estas prácticas xa tiñan a súa orixe anos antes ó goberno liberal onde a monarquía absoluta veu desenrolando fórmulas de colaboración con sectores influíntes a escala local14.

O estado destas relacións e niveis de poder sería a seguinte: o caciquismo non foi singularmente español, a cuestión do encasillado provocou desmovilización política e a ausencia de participación contaxiou ós poderes locais coa sucesiva falta de reivindicacións e consentimento como actitude dominante. Agora ben, esta identificación de caciquismo co mundo rural, co seu poder vertical, coas súas dependencias clientelares, limitacións ideolóxicas e aparente impermeabilidade ó progreso e democratización15 foi a tendencia dominante na historiografía. Un enfoque dende unha liña excesivamente electoralista que se cadra deixou a un lado aspectos relativos á natureza, o desenrollo da política no mundo rural ou a análise das súas transformacións (Villares, 2000

Chegando ata o cabo do razoamento e contradicindo estes clichés do rural arcaizantes temos outros formulamentos que amosan a formación dun mercado interior e especialización rexional ou a participación nos mercados exteriores identificando aínda unha intensa pluriactividade agraria a finais de século. Outros poñen o acento sobor os bandos, como núcleo de agregación política de veciños con capacidade de movilización política e de loita ideolóxica tanto institucional como informal en, por exemplo, xornais locais. A vitalidade dos poderes locais e a súa capacidade para impór os seus intereses e pontos de vista ó poder central tamén foi salientada, así como a patrimonialización do poder local16 na marxe dunha economía orgánica na que o monopolio da terra por parte das institucións era fundamental para asegurar as estratexas reproductivas das elites locais. Nesta mesma liña, Rosanvallon, formularía para o caso francés que moitos dos comportamentos políticos rurais considerados tradicionalmente como arcaicos, obedecen a tradicións locais, de carácter comunitario, que son capaces de integrar o vello no novo17. Porén, Cruz Artacho suxire para o caso español complexas xerarquías de relacións clientelares no micro, baseadas en pactos explícitos ou implícitos que afectaban tanto ás esferas locais de poder como ás provinciais ou nacionais. Se cadra a análise de Rosanvallon para o caso español se poida calificar coma un pouco por de máis, o que si nos ofrecen estes traballos son matices e complexidades engadidas ó esquematismo unidireccional e descendente das tradicionais.

Non hai unha análise definitiva en termos de poder para coñecermos quen mandaba realmente no rural galego a escala local no período da Restauración. Ás veces semella que os alcaldes que viñan de fóra, outras os grandes propietarios e se cadra representantes de determinadas profesións vencellados directa ou indirectamente coa toma de decisións políticas. Se seguimos ós personaxes de Pardo Bazán, parece que non sempre son as clases dominantes do agro as que teñen o poder. Os caciques ocuparon moitas veces poderes locais e comarcais e tamén foron alcaldes pero o poder local podía ostentarse indirectamente colocando cargos nas institucións –familiares, amigos e clientes facían de enchufados do poder (Velasco, 1997). O que sí semella é que os principais propietarios tiveron unha perdurabilidade no tempo, tanto nas súas pautas de actuación coma na súa capacidade de interacción baseada no control directo ou indirecto dos cargos municipais e provinciais. Así, os adiñeirados poderían consolidar e incrementar o seu patrimonio e mediar ante as instancias administrativas e xudiciais, e verse beneficiados polo novo ordeamento político e legal que o afectar a todos, e ó entender a igualdade coma homoxeneización, igualará xurídicamente a homes que na práctica son radicalmente desiguais, e veráse aplicado en moitas ocasións en contra dos intereses dos diferentes grupos sociais agrarios non privilexiados, é dicir labradores, caseiros e camareiras (Cardesín Díaz, 1992).

A crise agraria finisecular e a posterior modernización do sector agrario dende a afirmación do pequeno propietario e as políticas activas nesta materia -Lei de Asociacións de 1887 e Lei do Sufraxio Universal masculino en 1890- contribuirán decisivamente a uns cambios que xa viñan practicándose ó longo de todo o século. A incidencia da Grande Guerra propiciou unha transformación económica e social moi profunda na sociedade española e chegado xa o convulso ano 1918 o asociacionismo e organizacións agrarias emerxen con forza na vida política do país. Isto provocou fortes movilizacións campesiñas en Galiza, pero tamén noutras rexións do interior e litoral mediterráneo. Estas movilizacións rurais pasaron de ter un carácter local e pouco prolongado no tempo, e de carecer de estructuras organizativas complexas e de liderado propio a construírse a partir de mutuas gandeiras, sociedades de agricultores e sindicatos agrícolas ou prensa, con vontade de superar o eido local e de dar resposta ás necesidades propias do pequeno campesiñado. Esta socialización nas relacións do agro medraba de xeito parello ó cooperativismo crediticio no eido cultural xermánico ou do cooperativismo de consumo na maior parte de Francia e ó marxe do amparo estatal (Cabo, 2002).

O fito de desenvolver esta cultura societaria favoreceu unha coxuntura que permitiu canalizar as denuncias ás autoridades e caciques locais e arribar presentacións de candidaturas propias nas eleccións municipais. Aquí haberá que lembrar aos compoñentes republicanos e socialistas do eido urbano coma aportación fundamental de movilización enfrontada aos partidos dinásticos. Nas Asambleas Agrarias o programa abeirado xacia sobor a defensa da pequena propiedade campesiña plena e libre de cargas forais, a dinamización do sector agropecuario e a dignificación da educación, cultura e comunicacións da vida aldeana (Domínguez, 2005). O agrarismo foi un movimento eminentemente pontevedrés ata que en 1910 se comeza a extender pola provincia de Ourense e Lugo, e a súa expansión veu dada pola radicalización da axitación antiforal coa falla de pagamento das rendas. Non debemos esquecernos que a este movemento tamén se lle engaden os católicos sociais e os poderes locais conservadores e liberais que non tardarán en adoitar procedementos para semellarse ós seus adversarios. De feito, de tanta variedade aparecerá a polarización en dous bandos enfrontados: o CRAG18 que estará composto por sociedades non confesionais e que liderará a loita contra o foro e a constitución dun Partido Agrario Galego19, máis que non acadarán a desfacer o monopolio dos partidos dinásticos, e o sindicalismo agrario católico, defensor da orde social e a pequena propiedade co apoio da igrexa e elites rurais. Coma movemento rural coaligado ao obreiro o agrarismo pasará a reclamar ao pequeno campesiño coma suxeito político activo e polo tanto a autonomía política do movemento, sendo as loitas antiforais as reclamas máis intensas.

O golpe de Primo de Rivera en 1923 produce un efecto que haberá que analizar con tento. Mentras nos comezos se obtiveron convenios para a redención de foros nalgúns lugares e os dirixentes agrarios ocupaban escaños municipais, o CRAG moderaba o seu discurso e isto lle custa co tempo a súa descomposición interna e o debilitamento social (Domínguez, 2015). O que viña de ser unha identificación pasaxeira no desprezo polo sistema da Restauración e a denominada vella política, Vicente Risco pasaba a identificala cunha realidade na que se depuraron as administracións locais e provinciais e que viría a substituír aos uns polos outros (Cabo, 2002). A aceptación da solución moderada redencionista co Real Decreto de 1926 engadíuse ó fracaso do proxecto do Partido Agrario20 e ó afastamento progresivo da complicidade cunha ditadura cada vez menos provisional fomentado polos círculos progresistas da emigración bonaerense como Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales21. O agrarismo permitíu unha canle de comunicación cos problemas máis inmediatos a través das sociedades agrarias que facían de berce de politización de realidades máis amplas, e supuxo unha muda no xeito de facer política en pleno período da Restauración. A través de grupos de poder local organizados por redes de interese e favores mutuos, se realizou unha achega cara unha maior conciencia e responsabilidade política, un esforzo por desprestixiar a figura do cunero, ou a realización de campañas electorais quizáis máis honestas. O valor do voto e empeño na limpeza dos procesos electorais, a capacidade para xerar novas modalidades de liderado no eido local, unha crecente presenza de labregos e en definitiva a transformación da cultura política cara unha maior sociabilidade e capacidade para a acción colectiva (Cabo, 2002).

As lóxicas restauradoras canovistas estandartes da estabilidade institucional e da construción dun modelo de Estado á medida das elites turnistas e do seu espazo de influencia propietarista atoparáse moi cedo na Galiza cunha parte do campesiñado que viña de resistir ao longo de boa parte do século na loita polos comunais a partir dunha liga interclasista con parte do sector privilexiado da época. Así, formular un modelo unidireccional de represión do Estado central cara a periferia quizáis sexa incompleto sen termos en conta a dimensión destas resistencias practicadas durante boa parte do século e de que fóron sen dúbida o motor e se cadra a realidade previa ás vindeiras mudanzas acontecidas. Segundo Villares, nin na historiografía española nin na galega se deu a atención precisa á politización do mundo rural ou, nos seus termos, “la socialización de valores políticos e ideológicos entre a poboación singularmente rural” (Villares, 2000) ou como afirmaría Tusell, “carecemos de datos fidedignos sobre las repercusiones de la vida política nacional en lo que se llamó la España real”22.

Non poderemos comprender ao grupo campesiño únicamente como bloque compacto, xa que dentro deste grupo tamén pouco estudado pola historiografía galega e española existen en sí mesmos diferentes estratos que compoñen as súas propias lóxicas. Foron as relacións clientelares as que mostraron novos modos de relación interclasista e as que cuestionaron nunha primeira ollada a dominación total dos uns polos outros. Este atisbo de capacidade de autoorganización social en períodos anteriores ao agrarismo non só insinúa unha interpretación diferente do modelo de dominados que consenten senón que demostra unha crecente suficiencia reivindicativa que se foi dando durante todo o século. A denuncia do turnismo e a política de pacto característica da Restauración virá da man dun ascenso indubidable na politización dos espazos rurais que loitarán activamente pola defensa dos montes comunais, pola pequena propiedade campesiña –non sen as súas contradiccións coa experiencia precedente- e a liberdade de cargas forais. O rural galego tivo porén experiencia reivindicativa dabondo ao longo de todo o século e está por estudar ata que ponto os líderes agraristas non teñen unha débeda histórica con esta loita antecesora, e dende que enfoque ou pondo en relación cales poderemos definir estes fitos anteditos coma procesos políticos de primer orde.

Bibliografía

  • Cabo, M. (2002). Traxectoria do agrarismo galego. En Constenla, G. & Domínguez, L. (Eds.), Tempo de sermos: Galicia nos seus séculos contemporáneos* (pp.150- 172). Vigo: Universidade de Vigo.
  • Cardesín, J.M., & Lago, P. (1992). Repensando el caciquismo. Espacio político y agencia social en la Galicia de la Restauración. Historia y Crítica, (2), 191- 226.
  • Domínguez, L. (2005). Agrarismo y sociedad campesina en Galicia. En Juana, J. & Prada, J. (Eds.), Historia Contemporánea de Galicia (pp.461- 492). Barcelona: Ariel.
  • García, A. y Garrabou, R. (Eds.) (1985) Historia agraria de la España Contemporánea. Barcelona: Crítica.
  • González de Molina, M., Cruz, S. & Acosta, F. (2013). Los socialistas y el proceso de democratización en la España rural de la Restauración. Ayer, 1(89), 67- 92.
  • Miguez, A., & Cabo, M. (2013). Pisando la dudosa luz del día: el proceso de democratización en la Galicia rural de la Restauración. Ayer, 1(89), 43- 65.
  • Millán, J. (2000). La herencia política de la revolución liberal en la sociedad agraria española. En École française de Rome (Ed.), La Politisation des Campagnes au XIX Siècle. France, Italie, Espagne et Portugal (pp.259- 186). Rome: École Française de Rome.
  • Veiga, X.R. (1999). O poder na Galicia do XIX. Resultados, liñas de investigación e hipóteses comparativas. En Calo Ramos, N. & Murado Lorenzo, M.A. et al. (Eds.), ¿Quen manda aquí? O Poder na Historia de Galicia (pp.213- 249). Santiago de Compostela: Asociación Galega de Historiadores.
  • Veiga, X.R. (1997). Parentes, amigos e favores. As redes informais do caciquismo. En Fernández Prieto, L. & Núñez Seixas, X. M. et al. (Eds.) Poder local, elites e cambio social na Galicia non urbana (1874- 1936) (pp.353- 373). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
  • Velasco, C. F. (1997). Repensando o caciquismo. Algunhas reflexións e preguntas sobre o mantemento das oligarquías municipais galegas no longo prazo: da revolución liberal á II República. En Fernández Prieto, L. & Núñez Seixas, X. M. et al. (Eds.) Poder local, elites e cambio social na Galicia non urbana (1874- 1936) (pp.275- 287). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
  • Villares, R. (2000). Política y muno rural en la España contemporánea. Algunas consideraciones historiográficas. En École française de Rome (Ed.), La Politisation des Campagnes au XIX Siècle. France, Italie, Espagne et Portugal (pp.13- 27). Rome: École Française de Rome.

1 Jover Zamora (como se cita en Veiga Alonso, 1999, p.215).
2 Riquer i Permanyer, Fusi, Suárez Cortina (como se cita en Veiga Alonso, 1999, pp. 216).
3 Era corrente no século XIX esta imaxe tópica do conservadurismo labrego para as cuestións políticas, unha visión que relacionaba negativamente o mundo rural coas ideas progresistas, e o mesmo tempo, unha mesma relación positiva do mundo rural co caciquismo e dependencia clientelar, seguindo os estudos máis recentes de Antonio Miguez e Miguel Cabo.
4 Afirmarían nos oitenta autores Josep Fontana, Ramón Garrabou ou Ángel García Sanz nunha lectura que viría a ser revisada cos traballos de Manuel González de Molina, Xesús Balboa ou Miguel Cabo xa entrado o novo século.
5 Luis Domínguez Castro profundizará neste concepto formulando un equilibrio individual/ familiar e colectividade, e grupo doméstico e colectividade.
6 Garrido González (como se cita en Macho & Cabo, 2013, p.45).
7 Cardesín Díaz (como se cita en Velasco, C. F. 1997, p.276).
8 Obra de Valentín Lamas Carvajal como se cita en Ibíd., p. 278.
9 Barbacana e Trampeta personaxes de Os Pazos de Ulloa como se cita en Ibíd., p. 279.
10 Veremos como na lóxica de fidelidades imporase a dependencia da facción política que ocupe nun momento determinado o poder en moitas ocasións e por riba do Estado, unha dualidade que Xosé R. Veiga Alonso acuñou como ‘fidelidade pública vs fidelidade privada’ ao que habería que sumarlle noutras ocasións unha terceira, a ‘fidelidade ó patrón’ dende unha fórmula de recomendacións ou enchufismos.
11 Comerciantes, artesáns, avogados segundo Jesús Millán, e notarios, médicos, farmacéuticos, cregos engadirá Xosé Veiga Alonso.
12 Segundo Cardesín Díaz, isto é especialmente importante xa que o Estado Liberal desenvolveu una actividade lexislativa intensísima co obxecto de transformar o marco xurídico no que se desenvolvían as actividades agrarias.
13 Jover (como se cita en Veiga, X. R. 1999, p.215).
14 Tarrow e Romanelli (como se cita en Veiga, X. R. 1999, p.219).
15 Segundo Jesús Millán, isto engadía unha importancia determinante aos concellos, incluyendo no pocas veces a los que estaban más o menos interferidos por un señor particular.
16 O campesiño parcelario non formaría parte dunha clase, ver Marx (como se cita en Macho, A. & Cabo, M. 2013, p.44).
17 GEA (como se cita en Villares, R. 2000, p.37).
18 Rosanvallon (como se cita en Villares, R. 2000, p.38).
19 Confederación Regional de Agricultores Gallegos.
20 No que foi a continuidade de Acción Galega co liderazgo de Basilio Álvarez.
21 Ó que lle faltaría por unha banda un contexto político favorable e por outra se resentiu da división dentro do CRAG, segundo Miguel Cabo.
22 Núñez Seixas (como se cita en Cabo, 2002, p.157).